Adiantándose ás operadoras occidentais, China Mobile traballa na comercialización do lector de libros electrónicos AirPaper50T, que ofertará subvencionado aos seus clientes, pois o dispositivos conta con conectividade sen fíos a través da rede de telefonía móbil, á vez que a propia operadora mantén unha tenda de e-books con obras a prezos de entre 3 e 5 iuans (entre 0,3 e 0,5 euros), aínda que tamén será posible cargar os contidos dende o PC a través de USB.
O dispositivo ten unha pantalla de 6 polgadas cunha resolución de 800 x 600 píxeles e unha batería que permite a lectura dunhas 30.000 páxinas ou 7 días en espera. Tamén presenta o que parece unha pantalla inferior táctil de 3,7 polgadas para o control do dispositivo.
Dá a impresión de que a operadora chinesa busca repetir a fórmula de éxito de Amazon, o que tamén podería reproducirse en Europa antes do que pensamos, xa que nos últimos meses estase a comentar que Amazon atopa nas operadoras de telecomunicacións o principal atranco para achegar o Kindle ao Vello Continente, no que parece que é unha estratexia para reservar o negocio para as propias compañías de telefonía móbil.
China Mobile comeza a comercializar un lector de e-books subvencionado
Compartir Este Artigo
