Nestas datas os lectores de libros electrónicos están a ser un dos principais temas da actualidade tecnolóxica, pois están a vivir unha revolución semellante á que supuxo o iPod ou o iPhone aos sectores da música e a telefonía móbil respectivamente, pero non son poucas as dúbidas que hai no tocante ao negocio editorial, que pretende ilustrar a segunda edición do estudo Dixitalización do libro en España, realizado por Dosdoce.com e Ediciona, que parte dunha consulta a 277 editoriais participantes na Feira do Libro LIBER, considerando o 40% das mesmas que a venda dos libros dixitais debería ter un prezo que correspondese á metade da edición en papel, mentres que un 27% considera que a rebaixa debería ser só dun 30%, un 21% pensa que o desconto debería ser dun 15%, un 10,5% considera que o prezo debería ser igual en dixital e en soporte físico e, finalmente, un 2,5% opina que as versións dixitais deberían ser máis caras.
Pero a opinión dos editores non é crucial, e parece evidente que a venda de libros en formato electrónico cunha rebaixa de só o 20% con respecto do soporte físico (coma pretenden moitas compañías) ten moitas probabilidades de topar co rexeitamento do mercado.
Deixando a un lado o debate sobre o prezo, as editoriais consultadas están moi preocupadas pola definición do modelo de negocio en liña, da negociación dos dereitos dixitais dos seus autores e na formación dos seus equipos para pórse ao día sobre o impacto das novas tecnoloxías nos seus negocios.
Os editores pensan que os libros electrónicos deben custar moito menos que as súas edicións impresas
Compartir Este Artigo
