Nun momento no que non son poucos os atrancos para que os concellos españois acheguen acceso á Internet de balde aos seus cidadáns a través de Wi-Fi, o Concello de Corcubión está a levar adiante a súa propia iniciativa desenvolvida a través do Fondo Estatal de Investimento Local, e agora incluso estarían a estudar a posibilidade de que o acceso sen fíos á Internet na vila fose de balde de xeito permanente, aínda que consideran que podería ser mellor optar por un certo pago polo servizo para poder dar un mellor soporte técnico aos usuarios.
A rede actual ofrece unha velocidade que dista moito da dunha conexión ADSL (de feito, o servizo subminístrase actualmente sumando 4 conexións de ADSL domésticas) e non son poucos os problemas para facer chegar o sinal aos fogares (o que pode mellorarse mediante amplificadores). Podemos entender así que esta rede sen fíos non supón unha ameaza para as operadoras de telecomunicacións, á vez que contribúe a achegar a Internet a cidadáns que non ven necesaria a contratación dunha liña ADSL no fogar, pero que poderían introducirse no uso da Rede de ter acceso á mesma de balde.
A rede Wi-Fi de Corcubión podería ser de balde permanentemente
Compartir Este Artigo
