Nun momento no que algúns países europeos están a promover leis para regular o intercambio de ficheiros a través da Internet, un ditame do Supervisor Europeo de Protección de Datos, Peter Hustinx (descargable en formato PDF), considera desproporcionadas este tipo de medidas e incluso alerta sobre o acordo internacional (ACTA) contra a piratería que Bruxelas negocia con EE.UU. e que podería ter impacto nos dereitos fundamentais dos cidadáns europeos.
Sobre leis como a francesa HADOPI ou a española LES, Hustinx estima que poden violar, cando menos, dúas directivas europeas (a 95/46 sobre protección de datos persoais e a 2002/58 sobre procesamento e protección de datos no sector das telecomunicacións).
Este ditame non é vinculante, pero persegue buscar métodos menos intrusivos de loitar contra a piratería na Internet, aplicar as proteccións axeitadas nas transferencias de información no contacto de ACTA (acordo do que forman parte numerosos países que non respectan o tratamento de datos persoais dentro dos estándares aceptados na U.E.) e establecer un diálogo público e transparente sobre ACTA (para asegurar que estas medidas son compatibles coa lexislación comunitaria).
Un ditame considera desproporcionadas as medidas anti-piratería que queren aprobarse en Europa
Compartir Este Artigo
