Cando algúns xogos venden centos de milleiros de copias para o iPhone son todo un exemplo do éxito das aplicacións para os terminais de Apple, pero os móbiles con Android tamén van por bo camiño, e pese a ter que conformarse cuns resultados máis modestos, resulta gratificante ver coma o desenvolvedor independente Edward Kim está a conseguir facturar 13.000 dólares ao mes grazas á súa aplicación Car Locator Android, que serve para marcar o punto onde deixamos o coche nun grande aparcadoiro ou centro comercial para poder localizalo de xeito doado á volta.
A aplicación para Android conta cunha versión de balde que rexistrou 70.000 descargas, mentres que a de pagamento conformouse con 6.950 vendas, chegando incluso a rexistrar unha facturación de 772 dólares no Día de San Valentín, constatando que as tendas de aplicacións alleas a Apple tamén poden xerar negocio.
Kim asegura que as vendas da súa aplicación disparáronse grazas ao lanzamento do Motorola Droid nos EE.UU., polo que vemos como a popularización dos terminais con Android pode ser decisiva para converter a esta plataforma nun escenario produtivo, especialmente para pequenos proxectos.
Unha aplicación para Android factura 13.000 dólares ao mes
Compartir Este Artigo
