Tal e como anunciárase hai cousa dun mes, Sony vén de estrear en Europa tanto a súa aplicación oficial para iPhone e iPod Touch como a correspondente a terminais co sistema operativo Android, que facilitan a consulta dos trofeos da PlayStation Network, do estado dos nosos amigos e a qué están a xogar, así coma consultar as últimas novas da división de videoxogos de Sony. Inicialmente esta ferramenta está dispoñible para España, Reino Unido, Francia, Alemaña, Italia e Países Baixos.
Dende Sony aseguran que están a traballar nunha actualización que permitirá deixar comentarios, á vez que adiantan que ampliarán a súa cobertura europea en breve, incrementando tanto os países como os idiomas nos que esta aplicación estará dispoñible.
Esta ferramenta é totalmente de balde, podendo executarse sen identificarse (aínda que será preciso introducir as credenciais da PlayStation Network no caso de querer acceder aos nosos datos de usuario).
Para poder utilizar a versión de iPhone/iPod Touch é preciso contar con iOS 4 ou superior, mentres que a versión para Android é menos esixente (pide a versión 1.6 ou superior, aínda que detallan que non funciona no Sony Ericsson Xperia X10 mini).
Xa está dispoñible a aplicación de PlayStation para Android e iPhone
Compartir Este Artigo

