Esta fin de semana que vimos de deixar atrás celebrouse en Compostela un encontro que puxo de relevo as posibilidades das novas tecnoloxías no eido dun tipo determinado de comunicación entre a mocidade: a que implica as ligazóns máis firmes e estreitas entre os que se comunican. As xornadas Educación para o amor na era dixital viñeron da man da Confederación Galega de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (CONGAPA), que conseguiu reunir baixo un mesmo teito a máis duascentas persoas procedentes do ámbito da comunidade educativa galega. A actividade, que se desenvolveu ao longo de todo o sábado 29, contou tamén coa presenza do conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad, quen salientou a importancia de introducírmonos dende moi novos nas novas tecnoloxías co fin de contar cos alicerces máis firmes para construír o noso futuro.
Neste senso, lembrou que o seu departamento está a liderar unha iniciativa de dixitalización das aulas, o proxecto ABALAR, para “na actualidade chega a 14.500 alumnos e alumnas da ESO; estando xa instalado en 700 aulas de case 300 centros de ensino de Galicia”.
Amais do conselleiro, tamén interviñeron o presidente da CONGAPA, Jorge Vilariño, o presidente da Confederación Católica de Asociacións de Pais de Alumnos e Pais de Familia, Luis Carbonell, ou o profesor titular e vicedecano da Facultade de Medicina da Universidade de Navarra, Jokin de Irala, quen falou do papel educativo que teñen que seguir representando os país neste panorama xeneralizado de acceso á Sociedade do Coñecemento. Ademais, achegou unha serie de recursos e técnicas sobre os mellores xeitos de resolver en familia as dúbidas dos pequenos relativas ao ámbito dixital ou a calquera area do coñecemento.
Tamén interviñeron na xornada Fernando García, profesor e director pedagóxico do Foro Xeracións Interactivas, os profesores Joaquín Pereira, Olga Suárez e o director de Banca Premier, Evaristo Alonso.
200 persoas participaron na xornada sobre educación para o amor na era dixital
Compartir Este Artigo
