En vez de Rojadirecta.es, actualmente Google amosa entre os seus resultados o enderezo IP do seu servidor webA páxina web galega sobre a recepción de eventos deportivos mediante streaming Rojadirecta continúa a ter problemas, dende o pasado sábado non aparece o seu dominio Rojadirecta.es en Google por mor dunha queixa da Major League Baseball norteamericana, que foi mal interpretada polos responsables do buscador, posto que a petición da MLB era eliminar a Rojadirecta do programa de publicidade Adsense (do que, curiosamente, non forma parte) partindo de pretextos falsos como que en Rojadirecta están dispoñibles contidos audiovisuais de retransmisións de baseball (cando o servizo web só actúa como un índice de contidos dispoñibles na Rede, cos que non teñen ningunha relación). Google xa leva 4 anos bloqueando o dominio Rojadirecta.com, e agora que Rojadirecta.org foi secuestrado por autoridades norteamericanas, o xeito máis popular de acceder a tal web era o dominio .es, que agora está en boa medida agochado para os usuarios que non acceden directamente a tal enderezo senón que fan tal a través de Google. Actualmente entre os primeiros resultados de busca sobre a consulta rojadirecta aparece o enderezo IP do seu servidor, polo que o servizo continúa a estar localizable, aínda que é de agardar que Google rectifique o seu veto ao dominio Rojadirecta.es en vista de non estar debidamente xustificado.