FACUA solicitou á Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) que abra unha investigación sobre o fallo de seguridade na PlayStation Network que supostamente permitiu a subtracción dos datos persoais dos 77 millóns de usuarios do sistema. A reclamación de FACUA vén das sospeitas de que Sony puido vulnerar o «principio de seguridade dos datos» recollido no artigo 9 da Lei Orgánica 15/1999 de 13 de decembro, que regula a Protección de Datos de Carácter Persoal, ao non contar coas medidas suficientes para garantir a seguridade da súa rede.
Sony recoñeceu que non só os datos persoais dos seus usuarios quedaron expostos, senón que tamén podería ter pasado o mesmo cos seus números de tarxeta de crédito e as súas datas de caducidade, e incluso hai sospeitas de que xa están a realizarse cargos a algunhas tarxetas de usuarios, á vez que dende Microsoft sospeitan que este roubo de datos estea a aproveitarse para lanzar un ataque de phishing aos seus usuarios, polo que as repercusións deste fallo de seguridade poderían ser moi graves, considerándose como a maior filtración de datos persoais da historia.
Nalgúns foros de seguridade informática coméntase que unha vez penetrados os primeiros niveis de protección da rede de Sony, era sumamente doado manipular a información presente, e que incluso os números de tarxetas de crédito transmitíanse sen ningún tipo de protección o que, de confirmarse, sería un grave fallo de seguridade e unha clara vulneración da lexislación europea a tal respecto.
FACUA pide que a AEPD investigue o fallo de seguridade da PSN
Compartir Este Artigo
