Esta mañá, a xeito de adianto do salón profesional B-web que terá lugar en EXPOCoruña os días 2 e 3 de xuño, celebrouse unha mesa redonda entre algúns dos relatores do evento e un amplo grupo de xornalistas, tratándose temas como Twitter, os social media e distintos temas de interese sobre a relación dos medios de comunicación e os cidadáns coa Internet.
Ánxel Folgueira (creador da rede social galega Cabozo), Xosé Ramón Nóvoa (responsable de Hellogalicia.com), Javier Pedreira Wicho (co-autor do coñecido blog Microsiervos) e Ana Montes (directora xerente de EXPOCoruña) foron o núcleo deste foro de discusión, realizando numerosas reflexións sobre as contribucións da Rede en mudar as nosas vidas e a sociedade actual.
Redes sociais

Como signo do cambio que estamos a vivir, Nóvoa comentou que «Facebook cargouse moitas páxinas web corporativas e enderezos de correo electrónico persoais de moitos de nós».
Javier Pedreira Wicho, foi máis positivo ao confiar nas plataformas de redes sociais van ser algo máis que unha moda pasaxeira, pois «os seres humanos somos sociais por definición, polo que mentres haxa xente, haberá redes sociais». E incluso sostén que a diversidade de servizos destinados a este tipo de comunicación vai manterse, diversificándose, para que os usuarios se adhiran ás redes que máis lles interesen.
Educación
Onde si foi máis crítico Wicho foi ao apuntar que a educación nas TIC é moi deficiente, e quixo desbotar o concepto de «nativos dixitais», pois considera que fóra do uso dunhas poucas ferramentas, os mozos actuais están moi pedidos na Internet, sendo en moitos casos inconscientes do exposta que está a súa intimidade na web, polo que sería precisa unha formación transversal en tecnoloxía. Nesta dirección apuntou que eran ridículas as clases de informática nas escolas, ao igual que non existen clases de bolígrafo, pois os ordenadores deben de ser unha ferramenta para o ensino en xeral, e non unha materia en si.
Tamén coincidiu na inutilidade de prohibir o acceso ás redes sociais aos menores de 14 anos, pois Pedreira considera que os rapaces buscarán xeitos de poder participar nas plataformas de moda para estar en contacto coas súas amizades.
Medios de comunicación
A presenza de numerosos xornalistas na mesa redonda levou a comentar as dificultades que atopan os medios de comunicación para adaptarse tanto á fuxida do público de edicións impresas a dixitais como á adopción das redes sociais para dinamizar os seus medios (o que é tan aplicable a xornais como a radios e televisións). Nesta liña Ánxel Folgueira espetou que «o que publican os xornais xa non é noticia. É un grande problema que teñen. Os medios tradicionais están moi lonxe de entender o social media e veno coma un inimigo», mentres que Xosé Ramón Nóvoa pensa que os medios tradicionais están a desenfocar os seus obxectivos «deixando o oco da proximidade polo que están a entrar os tuiteiros e os blogs».
