En marzo deste ano, a Secretaría Xeral de Modernización formalizou a adhesión da Xunta ao Centro Nacional de Referencia de Aplicación das TIC, CENATIC, unha incorporación que agoiraba o mantemento do compromiso a prol da programación aberta do Goberno galego e que, daba marxe para a posta en marcha de iniciativas conxuntas na promoción do software libre. Pois ben, o acordo entre ámbalas dúas partes comezou xa a coller corpo. Un exemplo claro disto é o evento que se vai celebrar o 14 de setembro en Santiago, con motivo da vindeira comisión executiva do Padroado de CENATIC. Trátase da Xornada de Presentación do Programa de Mellora da Competitividade para Empresas TIC, a celebrar na Biblioteca da Cidade da Cultura.
Ao longo da actividade farase un percorrido polo programa de accións a prol da rendibilidade empresarial que desenvolveu CENATIC para empresas do sector, unha estratexia de actividades distribuída entres liñas básicas:
· Metodoloxía de Compatibilidade de Hardware, que está orientada a empresas, entidades públicas, fabricantes e/ou integradores e distribuidores de hardware, que traballen no campo de probas de hardware, ou teñan interese na consulta de resultados de probas de hardware para detectar compatibilidade entre hardware e software libre.
· Modelo de Mellora de Empresas, que está orientado a empresas que queiran incrementar a súa competitividade a través de procesos de mellora, e a empresas que vexan na auditoría do devandito proceso unha posibilidade de ampliar o seu modelo de negocio.
· Modelo de Capacitación Certificada, que está orientada a empresas de formación e elaboración de contidos formativos, pero tamén a todas aquelas empresas e profesionais que queiran mellorar a súa capacidade e competitividade para o mercado de traballo, a través de formación específica en materias relacionadas co software libre.
Programa da xornada
· 9:00 a 9:30 Inauguración. A cargo de Mar Pereira Álvarez, secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Miguel Jaque, director xerente de CENATIC, e Carlos Cano, director xeral de Red.es.
· 9:30 a 10:30 Programa de Mellora da Competitividade para Empresas TIC. A cargo de D. Miguel Jaque, director xerente de CENATIC.
· 10:30 a 11:00 Experiencia do proxecto ABALAR. Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
· 11:00 a 11:30 Experiencias de internacionalización de empresas FLOSS galegas.
· 11:30 a 12:00 Declaracións a medios de comunicación.
Os interesados en asistir a esta xornada deben confirmar asistencia na dirección de mail ocfloss@xunta.es. Aforo limitado.
CENATIC e Modernización presentarán en Santiago diversas ferramentas a prol da competitividade do sector
Compartir Este Artigo
