
Cómpre destacar que o sector do cómic é moi distinto ao dos libros, e pese a que nos últimos 70-80 anos foron o referente cultural da mocidade norteamericana, levan varias décadas relegados a tendas especializadas que non paran de pechar por mor da crise económica e da perda de lectores (principalmente por non captar novo público), de aí que o negocio teña que mudar dun xeito radical.
Polo momento DC optou por chegar a un acordo con Comixology para distribuír os seus comics dixitais a través da Internet, de xeito que os comics dixitais están dispoñibles para ordenadores e dispositivos con iOS e Android, polo que temos unha solución moi na liña de Apple, na que hai unha fusión entre a tenda de contidos e o dispositivo de lectura, o que facilita o acceso ao material e dificulta as copias non autorizadas.
Aínda que nun principio podiamos pensar que a distribución dixital de comics podería quedar nunha mera anécdota froito dunha experiencia piloto, a práctica parece ser ben diferente, e agora que temos publicación simultánea comentan que podería supor o 10-15% dos comics vendidos, o que é un volume máis que significativo se temos en conta que os dispositivos nos que resulta máis atractiva a lectura en dixital (os tablets) aínda non son moi populares, polo que parece que estamos ante o formato do futuro, aínda que dende DC aseguran que están a buscar novas fórmulas para revolucionar o xénero, de xeito que os comics non se limiten a ser unha versión escaneada da edición impresa, e incorporen innovacións narrativas e elementos sociais.
De todos os xeitos, parece que a época dourada do sector non vai volver, xa que na actualidade case ningún cómic supera os 100.000 exemplares vendidos nos EE.UU., cando hai 20 anos algún número chegou a superar o millón de copias e hai poucos anos incluso algún número de Batman superaba as 650.000 unidades vendidas; polo que os cambios que están a facer as editoriais o que buscan principalmente e non seguir perdendo lectores e salvar unha certa fenda xeracional que está a matar a industria da novena arte.
DC Comics xa edita simultaneamente en papel e formato dixital
Compartir Este Artigo

