Durante a tarde de onte moitas eran as miradas pendentes da presentación de Apple baixo o título de Let’s talk iPhone, que aínda pode verse en liña dende a páxina web da compañía, e que tiña como principal novidade a presentación dun novo modelo de iPhone, que para moitos foi unha decepción porque en vez de chegar en forma dun iPhone 5, finalmente presentouse un iPhone 4S, confirmando as filtracións das horas anteriores, e confirmando o itinerario de Apple na telefonía móbil, que parece buscar que os usuarios muden de terminal cada 24 meses (para poder respectar os compromisos de permanencia coas operadoras móbiles), de aí que os cambios de aparencia dos seus móbiles sexan cada 2 anos.

Pero a keynote de Apple tiña que tratar moitos outros asuntos, como a presentación de iOS 5, sistema operativo móbil do que xa se coñecían a meirande parte dos seus detalles, e no que puideron afondar, asegurando que estará dispoñible o vindeiro día 12.
Esta nova plataforma de software destaca por integrar iCloud, un sistema de almacenamento na nube que ofrece 5 Gb de espazo de balde para gardar contactos, favoritos, copias de seguridade… (o que agradecerán especialmente a metade de usuarios de iPhone que nin sequera chegan a conectar o seu terminal ao ordenador), así como outras novidades como notificacións semellantes ás de Android, as aplicacións iMessage (a resposta de Apple ao BlackBerry Messenger), Recordatorios (para recibir avisos de tarefas pendentes en local) e Quiosco (un lector/organizador semellante a iBooks, pero para revistas), integra Twitter (para poder remitir tuiteos directamente dende a aplicación de cámara ou de mapas), atallo á cámara dende a pantalla de bloqueo do móbil e numerosas melloras como o feito de que Find My iPhone evolucionou integrándose na nube e servindo tamén como Find my Friends, que permite localizar aos amigos que usen iPhone (algo semellante a Google Latitude).
Os reprodutores multimedia de Apple tamén mudan, de xeito que os novos iPod nano fan unha grande aposta pola súa funcionalidade de reloxo de pulso (pois detectaron unha grande demanda de tal función) e o iPod Touch tamén estará dispoñible en cor branca, mentres que do iPod classic non houbo novidades, de xeito que os rumores da súa descatalogación non se confirmaron.
Volvendo ao novo iPhone, tendo en conta que o iPhone 4S ten a mesma aparencia que o iPhone 4 (o que permítelle utilizar os seus moitos accesorios), habería que centrarse nos seus cambios, que son fundamentalmente 2: o seu procesador e a súa cámara. No tocante ao procesador, agora conta cun A5 de dobre núcleo, coma o iPad 2, o que permitirá novas posibilidades que iremos vendo de xeito progresivo, e que notarase especialmente nos xogos; mentres que na cámara pasamos a gozar dun sensor de 8 Mpíxeles con iluminación posterior mellorada, cunha apertura maior, estabilización de imaxe e con gravación de vídeo en alta definición a 1.080p a 30 fotogramas por segundo.
Outras das melloras, que inicialmente será pouco perceptible, é que xa non contará con modelos para distintas redes de telefonía, pois o mesmo dispositivo terá conectividade GSM e CDMA, dobrando a velocidade máxima de descarga HSDPA chegando aos 14,4 Mbps.

A data de lanzamento do iPhone 4S nos EE.UU. é o 14 de outubro, mentres que en España haberá que agardar ao día 28, chegando en capacidades de 16, 32 e 64 Gb, e por prezos que dependerá das distintas compañías que o comercialicen.
O iPhone 4S chegará a España o 28 de outubro
Compartir Este Artigo
