Semella que os internautas galegos non van ficar cruzados de brazos mentres a prensa do país perde, progresivamente, diversidade ideolóxica. Por unha banda temos ao grupo de Sermos Galiza recadando apoios por toda a nosa terra para a posta en marcha dun medio dixital e dunha nova publicación en galego, e pola outra estase a mobilizar unha importante cantidade de xente para impedir o peche de Xornal.com. Vímolo onte en Chuza! e hoxe da man do Sindicato de Xornalistas: xa se pode votar na Rede para pedir pola continuidade deste medio, unha medida que, de conseguila, non iría só en beneficio da pluralidade da nosa información senón tamén, e sobre todo, das traballadoras e traballadores do grupo. A día de hoxe xa hai case 2.000 sinaturas, e a cousa segue a medrar.
Segundo nos lembra o dito sindicato, asinando esta petición-manifesto reivindicaremos a viabilidade e continuidade da edición dixital de Xornal.com, nada hai 12 anos, así como o mantemento de emprego. Dito doutro xeito: a convocatoria non se apoia en imposibles, senón, informan, nunha clara posibilidade real de conseguir que a web siga adiante. Só sería preciso o que se necesita en calquera medio ou en calquera empresa: unha boa xestión. “A empresa”, engade o SXG, “malia aos reiterados requirimentos do comité, non presentou en ningún intre un plan de viabilidade serio sobre o futuro do portal web; no entanto, os estudos de mercado presentados no ERE no que están inmersos os traballadores admiten que o futuro do mercado xornalístico está vencellado á rede”.
Entre os asinantes, cóntanos o sindicato, atópanse importantes persoeiros tanto do mundo da cultura, do xornalismo ou da política galega. Os premios nacionais de literatura Agustín Fernández Paz, Xabier P. Docampo e Rubén Ruibal foron algúns dos primeiros apoios que recibiu a iniciativa dos traballadores de Xornal. Tamén cómpre destacar a sinatura do prestixioso historiador e hispanista Paul Preston e as de os investigadores Craig Patterson e Lourenzo Fernández Prieto.Académicos como Margarita Ledo, Antón Santamarina ou Xosé Luís Regueira e literatos como Fran Alonso, Domingo Villar, Marcos Calveiro, Tucho Calvo, Mercedes Queixas, Marilar Aleixandre, Berta Dávila, Antón Dobao, Xavier Queipo, Xesús Rábade, Helena Villar, Francisco Castro, Miguel Mato Fondo e Antía Otero tamén apoiaron as reivindicacións.
A votación en Internet pola continuidade de Xornal.com chega ás 2.000 sinaturas
Compartir Este Artigo
