Os problemas de conectividade en terminais BlackBerry que deixaron aos seus usuarios sen conectividade coa Internet durante o pasado luns, rexurdiron o martes e durante o mércores incluso chegaron a espallarse ata os EE.UU. e outros territorios, deixando claro que a infraestrutura de RIM para a súa plataforma é insuficiente, e ante o que aseguraron que foi un fallo dun dos seus switchs centrais, non foron quen de reemitir as comunicacións de correo e mensaxería instantánea aos seus usuarios, aínda que aseguran que non se perderá ningunha información, senón que só chegará con retraso.
Esta madrugada é cando podemos considerar que o servizo quedou re establecido, aínda que a navegación web quedou desactivada temporalmente durante probas de estabilidade do servizo, pasando a funcionar progresivamente nas vindeiras horas.
Este incidente non só minou considerablemente a confianza en RIM (compañía que está a perder clientes a un ritmo constante dende que o iPhone e os móbiles con Android chegaron ao mercado), senón que tamén provocou declaracións de asociacións de consumidores advertido de que haberá que compensar aos usuarios afectados (aproveitando a ocasión para reclamar un cambio na normativa que regula as contías a pagar, que consideran ridículas).
A desesperación dos usuarios de móbiles BlackBerry tamén levou á aparición dun hashtag en Twitter, #OtrosUsosParaElBlackberry, que conseguiu chegar a tema do momento en España e que deu lugar a frases imaxinativas como a proposta de pór o terminal “en modo avión e lanzalo pola fiestra”.
Tras 3 días volven a funcionar con normalidade os terminais BlackBerry
Compartir Este Artigo
