
O encontro desenvolverase baixo o lema Humanización e novas tecnoloxías: Sociedade do Coñecemento alén da crise. Ata o xoves, día 20, levaranse a cabo catro sesións, máis unha conferencia pública e un faladoiro aberto. Nelas, sinala a Fundación, escoitaremos “a unha escolma de expertos de contrastada solvencia e teremos a posibilidade de dialogar con eles e reflexionar xuntos sobre unha das cuestións clave para o progreso material e social”.
O programa dos IX Encontros de Mondariz-Balneario confeccionouse con profesionais de distintas áreas e diferente orixe, co propósito, engaden os organizadores, “de obter unha ampla panorámica do tema”. O evento foi pensado, desde o inicio, como un foro de debate cívico, non como unha reunión científica nin un seminario académico. Será inaugurado polo profesor Darío Villanueva e clausurado polo profesor Domingo Docampo, abordando o tema da lectura dixital -a lectura, que está na base de todo coñecemento- desde dous puntos de vista complementarios. Nas sesións intermedias, o filósofo Javier Echeverría achegaranos á evolución do termo. Haizam Amirah e M’Jahed Younes reflexionarán sobre os cambios que as novas tecnoloxías están a provocar no Mediterráneo -e non só alí-, e Enrique Dans referirase á ruptura da política, tal como a viñamos coñecendo, un achegamento que estará precedido por un faladoiro no que participarán Luís Cuntín, Lois Rodríguez Andrade e máis Hakan Casares.
As TIC como instrumento anticrise, a debate nos encontros de Mondariz que comezan este martes
Compartir Este Artigo
