A compañía galega Imatia Innovation, con sede no Porriño, presentou este pasado martes en Madrid o seu novo motor de lóxica de negocio: Ontimize Logic. O acto, no que se fixo un percorrido pola capacidade desta tecnoloxía no desenvolvemento eficaz e rendible de sistemas de información, non será a única cita na que se dea a coñecer este servizo, xa que tamén está prevista unha presentación semellante para este día 20 en Vigo, no marco de GaliciaTIC 2011. Na xuntanza de Madrid fixo acto de presenza Fernando Vázquez, responsable e fundador da empresa galega, e Val Hubert, presidente de Automated Business, referente na automatización e desenvolvemento de motores de regras de negocio dos sistemas de xestión baseados en Java.
Como dixemos, Ontimize é unha tecnoloxía para o deseño e posta en marcha, inmediato, de sistemas de información. Durante o seu desenvolvemento, informa a empresa galega, púxose un especial esforzo en conseguir, a través deste recurso, que o labor dos programadores sexa o máis doado posible, cousa que tamén beneficiaría aos usuarios últimos dos produtos resultantes. “O motor Logic”, engade Imatia, “é un novo paso nesta dirección de facelo todo máis doado e rápido, xa que o 90% da lóxica de negocio definida con ferramentas tradicionais pode ser eliminada e substituída con regras, co que se incrementa a transparencia e a produtividade nun menor tempo de desenvolvemento”.
Estas xeiras de presentacións de Ontimize Logic insírense nunha estratexia de Imatia a prol da creación e achega de novas tecnoloxías e procesos eficaces que supoñan unha diferenza competitiva para as empresas. “A visión diferencial e a calidade e innovación dos nosos traballos”, engade a empresa, “fan que Imatia sexa cada vez máis recoñecida como un referente internacional na fabricación de software de alta calidade e de vangarda tecnolóxica”.
Imatia presenta en Madrid e Vigo o seu novo motor de lóxica de negocio
Compartir Este Artigo
