
Tal e como se fixo saber na presentación deste mércores, celebrada na Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense (Universidade de Vigo), o obxectivo, amais de fomentar a creación de iniciativas novas, é mellorar a competitividade das empresas xa existentes, lograr que as empresas que xa van ben acaden a excelencia e conseguir que as que precisen melloras sexan quen de conseguilas. Amais, tratarase de dar saída e apoio a aquelas persoas con ideas emprendedoras de alicerce tecnolóxico, de Internet ou de contidos dixitais. Todo o conxunto, afirman os responsables do programa, con miras internacionais, proxectos globais nun mundo global.
Para isto, precisaron, precísase apoio, compromiso, participación e formación. De feito, a formación e o asesoramento de empresas TIC é unha das bases estratéxicas do proxecto, unha liña de actividade que terá o seu centro de operacións no devandito viveiro e que incluirá, complementándoa, unha rede baseada en tecnoloxías web 2.0 que actuará “como catalizadora para o avance do sector, ademais de promover os encontros físicos coa realización de foros (innovación, colaboración e internacionalización), a celebración de mesas de traballo sobre a posta en marcha de empresas TIC e o desenvolvemento dunha oficina de asesoramento a empresas en materia de busca de novos mercados alén das nosas fronteiras”.
O proxecto Nacce insírese na segunda convocatoria do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013, e está impulsado pola Consellería de Traballo xunto con AGESTIC, a Cámara de Comercio de Vigo, a Universidade de Vigo, AIMinho – Associaçao Empresarial e o CCG/ZGDV – Centro de Computaçâo Gráfica.
O sector TIC galego-portugués contará cun gran viveiro de empresas tecnolóxicas
Compartir Este Artigo
