
Daniel Fernández Núñez, orixinario do Barco de Valdeorras, resultou gañador da segunda convocatoria do Premio Proxecto Fin de Carreira, polo seu traballo Deseño e Implementación dun MOM (Message Oriented Middleware) Escalable en Java para Aplicacións Financeiras.
Daniel Fernández Núñez, formado na UDC, acadou a máxima cualificación, un 10, na convocatoria de setembro de 2011. O traballo premiado está sendo obxecto dun proxecto de valorización comercial e transferencia de tecnoloxía a nivel internacional nun ámbito no que este tipo de proxectos se valora en máis de un millón de euros, “o que pon de manifesto a madureza e a proximidade ao mercado desta solución”, segundo destaca o premiado. Aínda que varias multinacionais TIC manifestaron o seu interese en adquirir esta tecnoloxía, a decisión final foi apostar pola maduración do proxecto en Galicia, inicialmente no seo da propia UDC.
Como xurado da modalidade Proxecto Fin de Carreira actuaron: Alberto Valderruten Vidal, decano da Facultade de Informática da Coruña; María José Carreira Nouche, subdirectora da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC; Enrique Barreiro Alonso, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo; Francisco Bago Castro, vogal do CPEIG e Fernando Suárez Lorenzo, presidente do CPEIG.
Na modalidade Comunicación Informática resultou gañador o diario electrónico Código Cero, que dirixe Xosé María Fernández Pazo, polo seu “intenso e rigoroso labor informativo a prol do sector TIC e da Enxeñaría en Informática en concreto”. Foron xurado desta modalidade: Xosé Pereira, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC; Hernán Vila, vicepresidente do CPEIG; Francisco Bago, vogal do CPEIG, e o presidente do colexio, Fernando Suárez Lorenzo.
O CPEIG fallou esta semana os seus premios, que entregaranse na Terceira Noite da Enxeñaría en Informática
Compartir Este Artigo
