A escola de negocios Online Business School vén de publicar un informe que contradí unha boa parte dos estudos feitos a nivel estatal sobre a presenza dunha web propia nas empresas españolas, presenza que segundo este estudo do que estamos a falar sería máis reducida do que se cría. De feito, sinálase que só o 62% das empresas do eido estatal teñen unha páxina web, unha taxa que poría de manifesto, de confirmarse oficialmente, a necesidade de reactivar as iniciativas postas en marcha para afianzar as TIC no eido empresarial ou pór en marcha outras novas. A fin de contas, por moito que lles pese aos que cren que unha web corporativa non serve de nada, é ben probable que só través dun uso eficaz das redes se acade, hoxe en día, meirande competitividade e produtividade.
As devanditas iniciativas, por certo, deberán dirixirse en boa medida a solucionar as eivas tecnolóxicas e de coñecemento das pequenas empresas, que son, como era máis que previsible, as que máis atrancos teñen para dispor dunha presenza na Internet. Ao fío do que se nos conta no estudo, tendo en conta a devandita porcentaxe de firmas con presenza en liña, a porcentaxe ficaría no 58% en empresas miúdas, no 80% no que se refire ás medianas e no 90% nas grandes. En base a isto, España atoparíase por baixo da media europea. Con todo, hai cousas positivas, como o feito de que medrase a penetración de sitios web no tecido produtivo, arestora un 10,71% máis alta que no ano previo.
Unicamente o 62% das empresas estatais ten páxina web
Compartir Este Artigo
