
Estamos pois ante unha compañía que traballa a prol do libre pensamento a través das novas tecnoloxías, creando o escenario axeitado para novas propostas de software aberto. Esta aposta pola programación libre, afirman os seus responsables, non é “unha cuestión de moda”, senón unha resposta lóxica á súa experiencia, que, entre outras cousas, tenlles demostrado que se trata do mellor xeito de conseguir que o seu traballo teña un impacto no mundo. Estas novas fórmulas de traballo polas que aposta Kaleidos, unidas á súa proxección internacional, derivan nunha nova característica de seu: a aposta por darlle forma a unha actividade sen límites xeográficos. De feito, declaran, a localización da súa sede en Madrid é “meramente circunstancial”.
Amais da creación e achega de software libre propiamente ditas, entre os obxectivos de Kaleidos atópase a captación de emprendedores con vocación filantrópica e con proxectos innovadores que teñan interese por facer negocio seguindo modelos xustos de mercado. Ao fío disto, Kaleidos quere presentárselles como un provedor co que se pode falar e que achegue valor. Neste senso, a firma traballa coa fórmula de coprodución en diferentes joint venture para proxectos seleccionados de entre os clientes, o que lles converte en socios. Asemade, as grandes organizacións con iniciativas de innovación que requiran un provedor “de garantía e capacidade de traballo baixo presión” teñen un oco en Kaleidos, ao igual que as compañías de publicidade e deseño que precisen un socio de índole tecnolóxica para resolver os seus proxectos, informan os responsables da iniciativa.
Kaleidos: nova iniciativa en liña para dar saída a propostas empresariais de software libre
Compartir Este Artigo
