A empresa galega Ednon, da que falamos recentemente para dar conta dun recoñecemento á súa estratexia en materia de seguridade da información, vén de sumar un novo e importante punto na súa andaina tecnoloxico-dixital. Segundo informa nun comunicado, a empresa con sede en Santiago foi a adxudicataria, xunto con TRC, do contrato de subministro de cableados estruturados para a rede corporativa da Xunta, uns traballos que contan cun investimento de 1,3 millóns de euros.
O proxecto, informa a alianza formada polas dúas compañías, inclúe o subministro, a instalación, a configuración de tódolos elementos e os servizos precisos para a plena operatividade da infraestrutura e máis o fornecemento da formación necesaria para a administración da mesma. O sistema, engaden, abranguerá tódolos elementos pasivos de conexión e transmisión que permitan ligar os diferentes equipos de comunicacións e electrónicos, “coa finalidade de realizar o transporte e a distribución de sinais de voz, datos e vídeo”.
Amais de Ednon e TRC, entrará en xogo a firma Systimax, fabricantes de ligazóns extremo a extremo, achegando a súa experiencia no desenvolvemento de normas de cableado de cobre e fibra óptica.
O proxecto en si mesmo é un reto que Ednon asume coa maior das ilusións posibles, así o entende Pablo Leis, director comercial da empresa para Galicia e Asturias, quen sinala que “esta adxudicación supón un novo fito na nosa estratexia de crecemento en Galicia”, unha estratexia que se nutre “da experiencia da firma en grandes proxectos desenvolvidos para a Administración Público e tamén do excelente traballo despregado por uns recursos humanos propios altamente especializados”.
Ednon e TRC instalarán o sistema de cableado para a rede corporativa da Xunta
Compartir Este Artigo
