
A xuntanza, que será libre e de balde, celebrarase nas dúas xornadas en horario de 9.00 a 19.00 horas baixo o seguinte epígrafe: Encontro sobre redes sociais, comunicación e educación 2.0.
O encontro estará dirixido pola profesora Isabel Suárez, contando coa colaboración da Vicerreitoría do Campus. Dará acubillo a relatorios e obradoiros sobre temas de especial actualidade, como a influencia das redes sociais no rumbo político e social do mundo, instrumentos que malia vir da man de todo tipo de empresas á procura de beneficio, están a amosar un gran potencial na procura de meirande xustiza social e democracia. Segundo explicou Suárez na presentación das xornadas, un dos grandes obxectivos das mesmas é achegar á comunidade universidade esta nova realidade que xa está acó: a das ferramentas tecnolóxico-dixitais ao servizo da información e, polo tanto, da educación. As sesións irían encamiñadas, polo tanto, a favorecer o proceso de adaptación. Ao seu xuízo, queda moito por facer, e, de feito, o mundo do ensino non se atopa preparado ao cen por cen para asumir este rol, pois tanto alumnado como profesorado “non reciben a formación suficiente para que a docencia se poida desenvolver nun ámbito 2.0”, máis propicio para potenciar a creatividade, a eficiencia e a produtividade dunha aula.
Con máis de 60 inscritos e con poucas prazas xa dispoñibles, ao encontro non soamente acudirán estudantes, senón tamén empresarios, autónomos, titulados en paro… “un síntoma de que a Universidade está vinculada ao mundo real”, engadiu Suárez.
Eixes de debate
O encontro comezará abordando a adecuación da prensa escrita a esta nova contorna dixital. Jennifer Preston explicará na conferencia inaugural como liderou a transición do New York Times ao social media. Esta intervención complementarase cunha mesa redonda composta por responsables de xornais galegos como Bieito Rubido, director do ABC, Lois Blanco, director xeral de La Voz de Galicia, Lois Caeiro, director de El Progreso e Caetano Díaz, subdirector de El Correo Gallego, que afondarán na forma de levar a cabo este proceso de dixitalización nos seus medios. O programa complétase con dúas conferencias e dous obradoiros sobre educación 2.0, impartidos por Dolors Reig e Asier Gallastegui, sobre este novo modo de ensino.
Para tratar máis polo miúdo as vantaxes dos social media en diversos sectores profesionais, no segundo día desenvolverase outra mesa redonda protagonizada por expertos do mundo 2.0, entre os que se encontran os profesores da Universidade José Carlos López Ardao e Daniel Martí e blogueiros e tuiteiros de renome como son Manuel Gago, responsable da web do Consello de Cultura, Jesús López Cortiñas, responsable de marketing online do grupo Femxa, Lontzo Sainz, responsable de networking en EITB.com e Javier Pedreira, cofundador de Microsiervos, que compartirán cos asistentes as súas experiencias e proxectos nas redes sociais.
Digit@lis fará fincapé na nosa necesidade de adaptarnos aos cambios dixitais no ensino
Compartir Este Artigo
