O teléfono móbil é para a condución un arma de dobre fío. Pode ser aquilo que nos salve de perdernos e que nos axude a chegar antes ao noso destino, co aforro de custe de combustible e esforzos que isto achega, pero tamén pode ser obxecto parvo que nos leve dereitos ao pau da luz que abeira a estrada pola que imos. Para entidades como o RACC Automóbil Club, os riscos aos que nos pode someter o móbil ao volante, que veñen por mor dun mal uso, non deben agochar as evidentes vantaxes. Nisto baséase a versión para trebellos de RACC Infotransit, unha ferramenta que naceu hai 20 décadas na radio e que logo de constantes renovacións (incluída unha versión en liña en 2009) chega xa para sistemas iPhone e Android, de balde e con tódolos servizos completos para evitar cousas como atascos, incidencias e meteduras de zoca diversas ao volante.
Segundo nos conta o RACC, entre as razóns fundamentais para descargarmos esta ferramenta-guía no noso móbil inclúense as seguintes: achéganos un seguimento do tráfico en tempo real e máis a previsión do que está por vir nun prazo de doce horas, dos radares fixos e cámaras (tódolos radares de España e máis de 1.000 cámaras de tráfico), das gasolineiras (máis de 8.000, con prezos actualizados) e acceso á comunidade RACC Infrotransit, integrada por usuarios de todo o territorio estatal enriquecendo a base de datos coa notificación constante de incidencias. Asemade, inclúense recursos para facer máis doada a localización (a través do GPS do móbil) e asistencia (podermos contactar de xeito sinxelo co RACC en caso de emerxencia na estrada). Por certo que o servizo de balde non só abrangue elementos da rede viaria de España, senón tamén de Europa.
Presentada a versión para móbiles do servizo de información viaria da RACC
Compartir Este Artigo
