
Esta achega independente chámase YaCy e está chamada a converterse nunha opción máis útil, con mellor software e con meirandes garantías de privacidade.
Así nolo contan na Rede os responsables da proposta, que en troques de empregar un servidor central, apostaría por unha rede de peers independentes achegadas por cada usuario do YaCy. Con isto preténdese, entre outras cousas, que non haxa empresas que poidan decidir sobre os resultados das buscas, ou na orde dos datos que aparecen. O novo buscador conta co apoio da Free Software Foundation Europe, que leva xa tempo amosando a súa inquietude pola influencia interesada que hoxe en día se está a exercer sobre os resultados das procuras. Arestora, sinala a fundación, as empresas responsables dos buscadores están a exercer cada vez máis poder a través das súas ferramentas de procura, facendo constantes análises dos usuarios (as tendencias, os intereses) e reconstruíndo perfiles a través do que procuran.
Neste contexto, a publicidade redireccionada é o “uso máis benigno de todos eses datos” que manexan. A rede do YaCy conta xa con preto de 600 peers. A intención dos promotores do proxecto é acadar un medre semellante ao de iniciativas previas achegadas como alternativas a servizos como Twitter, como por exemplo identi.ca.
En marcha unha alternativa independente aos grandes buscadores: YaCy
Compartir Este Artigo
