
Segundo nos conta Ineo, as reunións entre as nosas empresas e os representantes do CDTI van encamiñadas a obter asesoramento individualizado e validar a metodoloxía dos proxectos de I+D nos que se está a traballar, susceptibles de atraer financiamento do dito programa europeo.
Os proxectos candidatos, engade a asociación empresarial galega, deberán ter un orzamento mínimo de 1,5 millóns de euros e un prazo de execución máximo de tres anos. A subvención realizarase a fondo perdido, o 70% procederá de fondos nacionais, mentres que o 30% que resta irá a cargo de fondos autonómicos.
O proceso de organización destes encontros bilaterais coincidiu coa presentación do Programa de Axudas Innterconecta, celebrada este luns en Vigo nunha xornada que contou coa participación de Alberto Núñez Feijoo, presidente da Xunta, e Javier Guerra, conselleiro de Economía. Na xornada de presentación, Ineo convocou un primeiro encontro entre os ditos consorcios TIC de Galicia e os responsables do CDTI, entidade encargada de xestionar o programa europeo de fondos. A primeira toma de contacto deste luns serviu, informa Ineo, para “testar e afinar o enfoque de proxectos de innovación nos que traballan xa empresas e centros tecnolóxicos galegos, co obxectivo de axustalo ás características requiridas polo programa Feder-Innterconecta”.
O éxito desta primeira xuntanza, engádese, estivo fóra de toda dúbida, tanto foi así que Ineo prepara arestora unha segunda edición que dea acubillo a novos consorcios e na que se farán esforzos para aumentar a calidade dos proxectos galegos que se presenten, co fin de maximizar a valoración e atraer a meirande cantidade de axudas.
Organizando, convocando e velando polos éxitos destes encontros atópase como dixemos a asociación Ineo, que actúa como punto PIDI en Galicia, achegando información e, tamén, asesoramento personalizado sobre os instrumentos de financiamento en investigación e en desenvolvemento que máis se axusten ás necesidades de cada caso. A cooperación entre Ineo e o CDTI con estes puntos de información insírese na actividade da Oficina de Proxectos da dita asociación galega, a disposición das súas firmas integrantes e co obxectivo de impulsar a participación en proxectos nacionais e internacionais á procura de financiamento.
Ineo favorece o achegamento das nosas empresas aos fondos Feder-Innterconecta
Compartir Este Artigo
