Tal e como adiantamos a pasada semana en Código Cero, a empresa galega de servizos tecnolóxicos Imaxin Software, atopou no Centro Demostrador TIC de Galicia, en Santiago de Compostela, a contorna ideal para dar a coñecer, entre empresarios e responsables de administracións públicas, as súas solucións de almacenamento de datos na nube, ou o que se coñece máis formalmente como tecnoloxía cloud computing.
Xa que logo, e segundo o previsto, esta firma galega, que por certo, é a única do país que desenvolve software directamente para Microsoft, está a celebrar no CDTIC a súa sesión demostradora individual, na que lle presentará ás empresas interesadas algúns dos servizos tecnolóxicos de cloud que pon á súa disposición para mellorar o rendemento das súas xestións.
Imaxin software comezou a súa xornada a partir das 10:30 da mañá e ata as 12:00 horas fixo un percorrido pola evolución do Cloud Computing e dos modelos de uso máis habituais, para rematar con demostracións in situ do Opentrad, a plataforma de tradución simultánea que, segundo afirman, “constitúe un claro exemplo de caso de éxito”.
Tamén achegou detalles sobre as vantaxes da súa plataforma Amazon Web Services (AWS) que ofrece un amplo abano de servizos web de infraestrutura baseada na nube cos que cada empresa pode solicitar potencia informática e capacidade de almacenamento segundo as súas necesidades. Do mesmo xeito, dende Imaxen afirman que esta aplicación “proporciona flexibilidade para poder elixir a plataforma de desenvolvemento ou o modelo de programación que mellor se adapte á metodoloxía de traballo de cada entidade ou empresa”.
A sesión está dirixida aos profesionais TIC, tanto do sector público como privado, que desenvolven o seu labor fundamentalmente na área de Sistemas.
O CDTIC celebra hoxe unha sesión demostradora de cloud computing
Compartir Este Artigo

