As novas tecnoloxías do coñecemento séguense a meter con paso firme no eido da formación. Comezamos o luns cun exemplo disto: os cursos sobre inglés que se van celebrar na Escola Oficial de Idiomas de Santiago e Lugo a partir do 24 de xaneiro. Estas actividades, que veñen da man da Consellería de Cultura (Consorcio Audiovisual de Galicia), a Consellería de Educación e a Fundación TIC da Deputación de Lugo, son dous monográficos de inglés audiovisual a desenvolver a partir do 24 e o 26 de xaneiro, respectivamente.
Ámbolos cursos, dunha duración de 50 horas, serán impartidos polo profesorado destas escolas oficiais e celebraranse de xeito simultáneo. A gran particularidade destas actividades, dirixidos a profesionais do sector audiovisual e a estudantes que desexen ampliar os seus coñecementos comunicativos no eido da industria dos medios audiovisuais. Con este obxectivo, o miolo da información complementarase con actividades extra académicas relacionadas cos contidos do curso como visitas a rodaxes ou gravación de programas, organización de master classes ou proxeccións de películas en versión orixinal.
O obxectivo destas accións, informa a organización, “é que o alumnado adquira ou mellore o seu nivel de competencia na expresión e comprensión de certos aspectos específicos da lingua obxecto de estudo, tanto na súa forma falada como escrita, que lle permita desenvolverse en situacións coas que se poida atopar no seu ámbito profesional específico, proporcionándolle a información sobre as características fonéticas, as estruturas e normas de interacción comunicativa que poidan ter influencia nas situacións laborais e sociais máis frecuentes coas que se van enfrontar”.
A Xunta e a Fundación TIC organizan dous monográficos de inglés audiovisual
Compartir Este Artigo
