A plataforma tecnolóxico-social Zoopolitik.com, definida polos seus responsables como un espazo aberto de experimentación ensaística para a revolución das conciencias, presentouse esta fin de semana pasada na Galería Sargadelos da Coruña, no marco das actividades organizadas pola Universidade Invisible baixo o epígrafe A cuestión contemporánea. A plataforma foi amosada en tódolos seus detalles (presencialmente e en streaming) polos integrantes da editorial Axóuxere a dita Universidade pais e nais desta nova criatura virtual destinada, entre outras cousas, a separar o gran da palla da marea de redes sociais na que estamos mergullados e coller, delas, a parte que máis pode contribuír á construción dun mundo mellor.
Zoopolitik.com, segundo se fixo saber nos obradoiros da Coruña e nas xeiras de presentación previas, é unha plataforma do seu tempo, filla deste fluxo imparable, sen fronteiras, de cidadáns instatisfeitos cos modelos democráticos, políticos, económicos e sociais nos que lles tocou vivir. A cita tamén serviu para dar a coñecer Sever Rounds, publicación de libre descarga que recolle os sete artigos aparecidos no xornal El País co gallo das eleccións do 20N pasado (artigos de rebeldía, de pensamento antagonista e máis innovación sociovital).
Zoopolitik.com, segundo avanzamos hai unhas semanas, vai dirixida, coa información xerada, a dar como resultado un libro colectivo, que xa está collendo corpo a través de epígrafes e capítulos, “ofrecidos como punto de partida aos cibernautas e co obxectivo de propiciar debates e recombinacións das ideas e dos seus contidos”.
A plataforma de debate colectivo Zoopolitik.com presentouse na Coruña
Compartir Este Artigo
