A plataforma Granxa Familiar, especializada na venda de produtos das explotacións familiares do noso agro a través da Rede, vai celebrar estas festas de Nadal coa atención posta nos nenos. Máis polo miúdo, nos nenos ingresados nos hospitais públicos da nosa terra. Así nolo conta hoxe a Universidade de Santiago na súa web, institución na que se insire o grupo de investigación Gist-Idega, responsable de Granxa Familiar. A iniciativa consiste, máis polo miúdo, en achegar aos mellores chefs galegos aos centros de saúde para fornecer aos nosos cativos de sinxelos e saudables pratos con produtos ecolóxicos procedentes as familias rurais integradas no devandito proxecto dixital.
Un dos grandes obxectivos desta campaña de Nadal é promover entre a nosa sociedade valores como saúde pública, a solidariedade, a ecoloxía ou o comercio xusto (comercio que favorece que o produtor reciba unha cantidade axeitada do custo da venda, en troques das miúdas cantidades que se recibe no comercio tradicional, no que a maior parte do beneficio fica en mans dos intermediarios, moitos directamente relacionados coas multinacionais).
Restauradores destacados na Guía Michelín como Iago Castrillón do Acio de Compostela, Pepe Solla, Rafael Centeno do Maruja Limón de Vigo, Jose Cannas do Pepe Vieirade Raxo (Pontevedra), Beatriz Sotelo da Estación de Cambre (Coruña) e Héctor López do lugués España serán os encargados de organizar os menús para que os e as máis pequenas aprendan os pratos máis saudables da nosa cociña dunha maneira lúdica.
O evento solidario Cociña Saudable celebrarase nos hospitais públicos de Santiago de Compostela, Vigo e Coruña.
Granxafamiliar.com celebra o Nadal promovendo os hábitos saudables entre os nosos nenos
Compartir Este Artigo
