Para quen estea estes días, ou os vindeiros, proxectando unha viaxe ao capital do Estado para dar conta de posibles novidades en innovación tecnolóxica, dicirlle que en breve terá unha ocasión probablemente axeitada para facelo. Falamos do Salón MiEmpresa, a desenvolver os días 14 e 15 de febreiro no Palacio de Congresos de Madrid e con vocación este ano de abranguer a meirande cantidade de empresas de novas tecnoloxías da información que operen no Estado e na contorna. O encontro 2012 baséase pois nunha realidade máis que probada: o potencial produtivo e de renovación que amosan as empresas baseadas no coñecemento.
O obxectivo do evento é reunilas, dar conta dos seus puntos fortes e impulsar, amais, o conxunto do sector, que malia os bos agoiros, informan dende o comité organizador, en 2011 caeu un 3,5%, estando previsto para 2012 un medre de unicamente o 0,17%. Cómpre sinalar que o salón, que vai pola terceira edición, non naceu de xeito específico para acubillar innovación TIC, senón que os seus obxectivos son máis xerais. Con todo, as TIC serán as convidadas especiais desta nova convocatoria, onde se contará cun espazo específico para informar de experiencias de empresas españolas con éxito no exterior. Asemade, contan os organizadores do evento, “compartiranse as claves do éxito de empresas como Ideateca, todo un éxito de descargas, ou Minube, que recibiu o premio Apple á mellor aplicación e serve para compartir información e experiencias de viaxes”. Tamén está previsto afondar en cuestións como o desenvolvemento de aplicacións para móbiles, a xestión da nube ou o negocio nos mercados electrónicos.
A edición 2012 do Salón MiEmpresa fará especial fincapé no potencial TIC estatal
Compartir Este Artigo
