
O servizo, de feito, é unha ampliación e un desenvolvemento da guía publicada hai tres anos en papel e que foi distribuída entre a veciñanza de Brión xunto coa publicación local Altamira. Entre as melloras introducidas, amais do seu novo formato dixital, figura unha información máis extensa e específica de cada empresa. Isto levarase a cabo a través da participación directa de cada negocio na páxina web municipal. Segundo apunta a axente de Desenvolvemento Local de Brión, Elisa Iglesias, a guía en liña pretende ser “un directorio das diferentes actividades empresariais onde cada empresa interesada disporá dun espazo para dar a información que considere: datos de contacto, servizos ou produtos ofertados, fotografías, promocións…”.
Máis polo miúdo, de querermos participar na guía en liña teremos que dirixirnos á Casa da Cultura, chamar ao teléfono 981 509 908 ou enviar un e-mail ao enderezo de correo electrónico adlocal@briondixital.org. “Ao igual que aconteceu coa edición impresa”, engade o Concello, “a participación nesta guía é totalmente de balde e cada participante decide qué información e qué datos quere ofrecer nela”. Non existe un prazo de inscrición, senón que se poden adherir e revisar a súa información de maneira permanente. A guía subirá a información e efectuará actualizacións en canto se reúnan cando menos quince negocios.
Brión porá en marcha unha palestra dixital para informar polo miúdo das súas empresas e comercios
Compartir Este Artigo
