Os pasados días 2, 3 e 4 de marzo celebrouse en Santiago de Compostela o XI Seminario TIC para Grandes Empresas e Organismos, un evento chamado a servir xa de referente para o sector tecnolóxico do país, no que non faltaron representantes das principais firmas como Microsoft, Intel ou Cisco; así como representantes das administracións públicas máis comprometidas coa modernización da nosa Comunidade, como a Deputación de Pontevedra ou a Secretaría Xeral de Modernización, entre outros organismos. Á cita, que tiña como fundamento afondar no papel das TIC en aspectos como a contención do gasto público, a mellora dos servizos á cidadanía ou o emprego do cloud computing nas administracións, tamén contou coa presenza do responsable TIC do Goberno de Panamá, que aproveitou para coñecer de primeira man o funcionamento da nosa eAdministración.
Por parte da Deputación de Pontevedra, por certo unha das entidades galegas máis comprometidas no apoio das iniciativas tecnolóxico-dixitais que xurden no seo da provincia, asistiu o responsable de Novas Tecnoloxías da entidade, Amancio Varela, quen participou como relator na mesa, As TIC na Administración Local. Prestación de servizos á cidadanía.
Varela, que compartiu mesa cos representantes das deputacións de Palencia e Salamanca, achegou a súa visión persoal sobre o papel que desempeña o organismo que dirixe na asistencia aos concellos en materia TIC, para que estes lle dean un servizo axeitado ás necesidades da cidadanía.
Os tres representantes convidados coincidiron en sinalar que as entidades locais “xestionan un nivel de prestacións cada vez máis amplo” e en que un dos retos que se formula para universalizar a Administración electrónica radica “na formación da cidadanía en servizos telemáticos, que permita rendibilizar o investimento realizado no seu desenvolvemento”.
Asemade, aproveitaron a presenza das principais multinacionais do sector no evento para pedirlles que “desenvolvan sistemas de almacenamento de datos ecolóxicos cun consumo enerxético baixo, e melloren a integración de aplicacións dos diferentes provedores”.
Na súa intervención, Amancio Varela presentou os principais proxectos que a Deputación de Pontevedra ten orientados para a prestación de servizos telemáticos á cidadanía e aos concellos da provincia, entre os que destacan o Proxecto Repoblar para levar Internet de banda larga a toda a veciñanza, e o Proxecto eDepo, co que dixitalizar a Administración e mellorar así a prestación de servizos en liña a toda a cidadanía.
Porén as iniciativas tecnolóxicas da Deputación de Pontevedra non quedan aí e Varela citou neste senso a implantación da Rede Multiservizos de Telecomunicacións baseada na tecnoloxía IP; a construción do novo Centro de Proceso de Datos; o Centro de Coñecemento Avanzado, que engloba a dixitalización de fondos documentais, gráficos, audiovisuais e sonoros do Arquivo Provincial e dos concellos da provincia; e os Proxectos depoTIC e Depo GAP.
O Proxecto depoTIC, a tecnoloxía nas túas mans é unha iniciativa que inclúe a creación dun Centro Provincial de Asesoramento Municipal-CPAM 2.0 así como oficinas de tramitación, dinamización e accesibilidade electrónica. Tamén inclúe o deseño dun modelo de tramitación, dinamización e accesibilidade electrónica, e o deseño dun modelo de comercio electrónico para o aproveitamento das pequenas e medianas empresas da provincia. A maiores este proxecto inclúe a implantación dun Centro Provincial de Asesoramento Empresarial-CPAE 2.0.
O último dos proxectos citados por Varela, o Proxecto Depo GAP é unha iniciativa para a xestión de activos da provincia de Pontevedra, que en palabras do máximo mandatario da sección tecnolóxica, “supón a creación dunha ferramenta de xestión de activos provinciais e a elaboración dunha experiencia piloto sobre eficiencia enerxética”.
A xestión tecnolóxica da Deputación de Pontevedra, exemplo de boas prácticas para as Administracións locais
Compartir Este Artigo

