A Consellería de Economía e Industria informou hoxe no Consello da Xunta do Censo Catastral Mineiro que se está a pór en marcha xunto coa Cámara Oficial Mineira de Galicia para avanzar na modernización do sector. Esta iniciativa, elaborada por medio dunha ferramenta web que aplica as TIC ao sector, ten como obxectivo facilitar unha planificación sustentable dos recursos mineiros.
Esta aplicación, que é a máis avanzada tecnoloxicamente das tres que existen en España, amosa de xeito rápido e sinxelo a situación xeográfica e administrativa dos dereitos mineiros, o que permitirá axilizar a súa tramitación e xestión, de cara ao aproveitamento ordenado dos recursos minerais da comunidade. Con esta iniciativa, a Xunta continúa a traballar para poñer en valor os recursos minerais de Galicia.
Neste labor de modernización e ordenación do sector, o Censo Catastral Mineiro supón un importante paso adiante. A información recollida nesta aplicación, mostra de xeito áxil e rápido a situación xeográfica e administrativa dos dereitos mineiros, ao redor de 1.200 en vigor, incluíndo información adicional relativa aos usos do solo, a ordenación do territorio e zonas de protección ambiental.
O Censo Catastral Mineiro permanecerá en constante actualización e revisión, a través do traballo conxunto e coordinado da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas coa Cámara Oficial Mineira de Galicia, facilitando así o traballo das administracións públicas e das empresas. Con esta ferramenta, será posible axilizar a tramitación e xestión dos dereitos mineiros e propiciar o aproveitamento ordenado e eficiente dos recursos minerais de Galicia, cunha especial atención ao respecto ambiental.
O Censo Catastral Mineiro dispoñible vía web axudará á planificación sustentable da minaría galega
Compartir Este Artigo
