O galardón co que a Asociación Galega de Editores recoñece a innovación no eido divulgativo a través de múltiples xéneros, o Premio Rosalía de Castro inserido nos Premios Ánxel Casal da Edición, xa ten gañadora este ano. Ou mellor dito: gañadoras. Son as series infantís de animación Os contos do camiño e Caracois da editorial OQO, que obtiveron o Rosalía de Castro á iniciativa editorial do ano 2011 por decisión unánime do xurado. Segundo informa AGAPI, o premio deuse a coñecer na Noite da Edición 2011 que se celebrou en Santiago a mediados de mes. Lembrar que na convocatoria de 2010 xa se distinguira como finalista nesta categoría o proxecto europeo, coordinado por OQO, Os Contos do Camiño.
Os Contos do Camiño e Caracois emítense na TVG2 desde maio de 2011. Asemade, a primeira achega amósase tamén en Canal Encuentro da Arxentina; e máis na televisión pública finesa YLE. En ámbolos casos, OQO filmes adapta os álbums ilustrados da editorial ao formato audiovisual, a través da técnica de animación stop-motion. Segundo fai saber a propia editora, os principais piares da súa estratexia son o lecer de calidade, a lingua galega e a innovación. Pero o ingrediente máis importante é este: as historias boas que merecen ser contadas, “sexa en libro ou en filmes”.
Dúas series infantís en stop-motion de OQO, mellor iniciativa editorial galega
Compartir Este Artigo
