Para quen se ande a preguntar en que consiste ser cibervoluntario dicirlle que se algunha vez contribuíu a aclararlle unha dúbida tecnolóxica a algún amigo ou familiar, entón xa ten que saber por forza en que consiste. Toda persoa que entenda de redes é en potencia un cibervoluntario, só falta que poña un pouquiño de orde e regularidade nesta achega desinteresada de coñecemento cara aos demais. Deste tema vaise falar arreo na vindeira edición de Xuventude Galicia Net, que se celebra a partir do 4 de maio en Santiago, no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia.
Tamén falarase das súas modalidades: presencial ou a distancia, baseado no uso ou ensinanza das TIC, orientado á diminución da fenda dixital entre as persoas como factor de exclusión, etc.
A cuestión desenvolverase nun relatorio que contará coa presenza de Yolanda García Ulla (directora de Área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA), que explicará cal é a natureza e o alcance do Programa sobre Voluntariado Dixital da Xunta; e máis Cristina Novo Díaz (terapeuta ocupacional do Centro de Novas Tecnoloxías de Fingoi-Centro de Recursos de Persoas con Discapacidade-COGAMI, en Lugo), que falará sobre a dita práctica de facilitarmos coñecemento e habilidades TIC, de maneira solidaria, a quen non tivo a sorte aínda de recibilos.
XGN animará á mocidade galega a canalizar o seu potencial cibervoluntario
Compartir Este Artigo
