O mes que vén botará a andar o novo programa BIC 3T (Technology Transfer Training), unha iniciativa de formación pioneira e especialmente orientada a emprendedores galegos de base científico-tecnolóxica, responsables de desenvolvemento de negocio, responsables e técnicos de transferencia de tecnoloxía e investigadores impulsada pola Consellería de Economía e Industria.
Os catro cursos dos que se compón este novo programa serán impartidos en inglés, mediante seminarios en liña de balde(webinars), por profesionais de recoñecido prestixio tanto a nivel nacional como internacional, e con ampla experiencia no eido da transferencia tecnolóxica. Durante este programa formativo abordaranse asuntos como o screening do potencial comercial das tecnoloxías, a definición dunha estratexia proactiva de marketing para a tecnoloxía da empresa ou como converter as redes sociais nunha ferramenta de marketing.
O primeiro destes cursos en liña comezará o próximo 3 de maio e servirá para achegar unha metodoloxía de filtrado das tecnoloxías desenvolvidas dende o punto de vista do seu potencial de transferencia ao mercado, a fin de centrar os recursos de marketing e comerciais naquelas de maior potencial.
No segundo curso, previsto para o 30 de maio, presentaranse as chaves para o deseño dun plan de marketing tecnolóxico eficaz. O 27 de xuño haberá outra sesión na que se mostrarán os métodos para chegar de xeito eficiente e efectivo aos clientes potenciais, e no derradeiro curso, que terá lugar o 11 e xullo, presentarse un caso de éxito de desenvolvemento dunha campaña de marketing tecnolóxico que combinou, de forma proactiva, medios sociais e medios tradicionais.
Entre os expertos participantes estarán Laura Schoppe, presidenta de Fuentek e vicepresidenta para Alianzas Estratéxicas da Association of University Technology Managers (AUTM) dos Estados Unidos, e Carlos Álvarez, Socio Director de Knowledge Investors, consultora especializada en transferencia de tecnoloxía.
Catro cursos potenciarán a transferencia tecnolóxica dende as empresas galegas
Compartir Este Artigo
