Vitaminas para o Galego, a fronte dos medios en galego (dixitais e en papel) a prol de garantir unha maior presenza da nosa lingua no panorama comunicativo (amais de dar impulso á creación de medios novos), celebrou esta pasada fin de semana unha festa dirixida a recadar fondos e, tamén, a poñerse diante do mundo, e ben á vista. A cita foi na sede da Gentalha do Pichel en Santiago de Compostela, o venres, onde se contou coa presenza da xornalista Xiana Arias, que coordinou o acto, e dos poetas Gonzalo Hermo, Olalla Cociña e Alicia Fernández. Tamén participaron os membros de Terbutalina e máis Ubaldo Cerqueiro (Quepasanacosta), que deu lectura ao manifesto que Vitaminas para o galego lanza para o vindeiro 17 de maio, Día das Letras.
No texto, informa a plataforma, faise fincapé na necesidade de medios de comunicación dixitais e tradicionais que empreguen o idioma galego se se quere garantir a continuidade e a transmisión interxeneracional da lingua, a contribución máis importante de Galicia á construción da humanidade. Por iso afirman que queren “reforzar os medios de comunicación en galego, coa creación efectiva dun espazo galego de comunicación, como plataforma de defensa da identidade común”. As máis de dúas ducias de cabeceiras que integran Vitaminas afirmaron en Santiago que “Galicia quere información de proximidade en galego, mass media que no século XXI difundan e prestixien o idioma, altofalantes que ensinen a nosa visión do mundo, peten nas conciencias e fagan visible a sensibilidade e a creatividade existente na sociedade galega”.
Vitaminas anuncia na súa festa a posta en marcha dun espazo galego de comunicación
Compartir Este Artigo
