Máis que falar de party informática, este ano quedounos claro que de agora en diante debemos referirnos ao Xuventude Galicia Net como un encontro dixital, no que a Dirección Xeral de Xuventude fixo posible que nenos, adolescentes e maiores gozaran das máis variadas actividades lúdicas ao tempo que se formaran en eidos tan diversos como a ciencia, o emprendemento e, como non, as novas tecnoloxías.
Tal foi o éxito do XGN deste ano que, segundo nos fixo saber a entidade organizadora, entre o venres e o domingo pasaron polas súas instalacións “máis de 7.000 persoas”, cifra á que lle hai que sumar os máis de 1.000 mozos e mozas que se inscribiron como participantes na intranet.
Como viñemos presaxiando durante os días pasados, unha das iniciativas máis valoradas nesta edición foi o bloque temático dedicado ao emprendemento como saída fronte á crise, na que máis de 500 participantes axudaron a elixir os tres mellores proxectos, que foron defendidos ante un xurado cualificado durante a tarde de onte.
Tamén neste marco tivo lugar a mesa redonda sobre o emprendemento, que contou con profesionais do ámbito universitario e da empresa privada, e na que se debateron as vantaxes e situacións que han de ter en conta os mozos e mozas que se adianten no mundo empresarial cos seus propios negocios ou empresas.
Outra actividade que as persoas asistentes valoraron moi positivamente foi a sesión de networking, a cal, dun xeito pouco convencional e mediante a técnica de citas rápidas cronometradas, permitiulle participar directamente a moitas persoas.
No tocante aos relatorios, a organización tamén fai unha valoración “moi positiva” pois “contaron con moita asistencia de público este ano”, porén de ter que salientar algún da edición, o de Enrique Dans e Leopoldo Abadía “colgaron o cartel de aforo completo”, ao encher a sala habilitada para os seus relatorios, cunha capacidade para 1.500 persoas.
Dans, que concedeu unha entrevista ao programa Banda Ancha da Radio Galega, versou a súa charla no inminente cambio que as novas tecnoloxías van provocar nalgúns sectores da sociedade actual, e que a maioría de nós xa ten experimentado de primeira man.
A oferta formativa completouse con xornadas de hacking ético, reciclaxe, neuromarketing ou redes sociais, entre outras temáticas.

Éxito de asistencia á extranet
Con respecto á extranet desta 13º edición, onde tiveron lugar as actividades ao aire libre e no hall da entrada do Pazo de Congresos, converteuse nesta edición nun punto de encontro de pais e fillos, mozos e mozas e seareiros de distintas actividades como a maquillaxe e caracterización, os videoxogos, a saga Star Wars, os grafitis, a ciencia divertida, as artes marciais, as creacións Hamma Beads e CubeCraft… así como todo tipo de actividades en torno ás novas tecnoloxías.
Non faltaron os simuladores, por exemplo, de tiro, de golf ou de ski, nin as pantallas de televisión conectadas a consolas como a Wii ou a Xbox, que grazas ao xogo interactivo de Kinect, permitiulle a grandes e cativos experimentar coa tecnoloxía sen mandos.
As 72 horas que durou o evento tamén permitiron que as noites se dedicaran aos amantes do cine, na que houbo sesións dedicadas aos zombies e á saga Star Wars.

