Achégase o Día das Letras Galegas e cómpre abordar un repaso polo que está a dar de si a nosa Rede no que atinxe á devandita conmemoración, un festexo que, recordamos, coincide un ano máis co Día da Internet, cousa que non deixa de ser un sinal para que quen queira interpretalo e unha oportunidade de renovación para quen siga na teima de que a cultura ten que estar só nos libros e nada máis. Entre as web de maior relevancia estes días está a que se dedica de xeito específico a Valentín Paz Andrade, o autor homenaxeado este ano no 17 de maio.
Esta páxina oficial, unha ferramenta básica para achegármonos á vida e obra do escritor, foi posta en marcha de maneira conxunta entre o Consello da Cultura Galega (que dixitalizou o fondo privado do autor, imaxes e textos procedentes dos arquivos particulares do homenaxeado), Turgalicia, a Real Academia Galega, Xerais, Galaxia e Biblos Clube. A web contou co estudo Ipho para labores de deseño e desenvolvemento. Como dixemos, a web ten vontade de recurso de utilidade (tanto para quen se introduza na obra do devandito como para quen xa percorrera certo treito do camiño) e de ferramenta de consulta básica. Inclúe novas xurdidas na prensa sobre Paz Andrade e dá acubillo a unha completa axenda de actos de celebración. A maiores, incorpora un resumo bibliográfico do autor, textos sobre a súa vida e unha escolma de fotografías de seu. A maiores, salienta polo seu deseño e, sobre todo, pola claridade aplicada na exposición de contidos e recursos. Segundo informan os autores da páxina, é unha web aberta, dinámica, suxeita a unha constante incorporación de material, entre o que cómpre destacar, os días vindeiros, o miolo das exposicións que se organicen arredor do autor de Castelao na luz e na sombra.
A web oficial de Paz Andrade achéganos á vida e á obra do homenaxeado na festa das Letras 2012
Compartir Este Artigo
