Hoxe fíxose público o proxecto de comunicación da Secretaría Xeral de Igualdade en redes sociais, que xa está nos servizos Facebook, Tuenti e máis Twitter. A iniciativa foi dada a coñecer en rolda de prensa pola secretaria xeral Susana López Abella baixo o seguinte slogan: Igualdade na Rede. O obxectivo é afianzar a presenza do devandito departamento nas comunidades 2.0 como continuación dunha primeira fase realizada en Facebook e Tuenti con Sen mulleres non hai Galicia.
Susana López Abella sinalou que a gran finalidade foi a de “viralizar a cultura da igualdade, sumar apoios, engadir opinións, invitar á corresponsabilidade de toda a sociedade e a vivir a igualdade en primeira persoa”. Trátase pois, engadiu, de tirar partido da potencialidade das redes sociais para facer da igualdade un vínculo que conecte os intereses de milleiros de persoas que estean dispostas a sumarse á causa dunha sociedade máis equitativa.
A campaña, como se pode entender, vai dirixida sobre todo á xente nova, que é, a fin de contas, o segmento da poboación á que se encamiña en boa media o proxecto de comunicación por enteiro. Segundo sinalou Abella, recentes estudos certificaron “un notable déficit de igualdade e a persistencia de estereotipos de xénero nos rangos de idade da adolescencia e da mocidade, segundo puxo de relevo a secretaria xeral da Igualdade na presentación”.
As direccións do perfil de Igualdade nas redes son facebook.com/igualdadenarede, tuenti.com/igualdadenarede e @igualdadenarede, para Twitter.
En marcha o proxecto Igualdade na Rede para Facebook, Tuenti e Twitter
Compartir Este Artigo
