Xosé Rivera, dende a empresa galega DobleClic, infórmanos da posta en marcha dunha nova páxina web con potencial de abondo para unir mundos teoricamente afastados: o dos servizos en liña de vangarda e os da actividade empresarial dedicada a un labor tan antigo como o da reparación de xoias e reloxos. Podemos velo, precisamente, na páxina 24joyas.com, que conta entre outras cousas cun obradoiro onde, empregando Internet como canle, recíbense (sen custe) e amáñanse os aparellos que teñamos en casa pendentes dunha posta a punto, e todo coa gran vantaxe de que podemos ser testemuñas do proceso en tempo real.
O servizo, totalmente ideado e creado por empresas galegas, abre un innovador camiño no sector e mesmo noutros eidos de actividade artesanal-empresarial. “Nun intre en que a meirande parte dos clásicos obradoiros de reloxería están a botar o pecho”, cóntanos Xosé Rivera, “24Joyas lanza un servizo a través de Internet, con prezos pechados e profesionais colexiados, e coa garantía de ser reparados oficial das principais marcas do mercado”. O servizo conta ademais un apartado para favorecer a localización de accesorios descatalogados das empresas máis senlleiras e coñecidas, e todo a través da súa propia rede de distribución. Para quen queira recadar máis datos sobra esta proposta innovadora, dicirlle que xa ten á súa disposición un vídeo explicativo:
En marcha un servizo galego que ofrece reparacións de xoias e reloxos na Rede con seguimento en tempo real
Compartir Este Artigo
