A empresa galega Nortempo, especializada en xestión de recursos humanos, vén de unir forzas coa tecnolóxica Reddium para pór en marcha unha rede social que contribúa á creación de emprego. O servizo, chamado Empreners, quere responder a un concepto empresarial en liña que, entre outras cousas, busca integrar nun único espazo diferentes públicos con intereses comúns. Neste caso concreto, empresas, demandantes dun posto de traballo, emprendedores e expertos en recursos humanos e novas tecnoloxías “ata o de agora espallados todos eles en diversas plataformas de mercado”, sinala Nortempo.
Esta vontade de unir o que estaba disperso materialízase xa na páxina de Empreners, unha ferramenta que conta coa apoio de Microsoft, Avanza ou BBVA, entre outros.
A filosofía da web é a seguinte: activar unha plataforma en liña que dea acubillo a toda idea innovadora para un negocio co fin de que se lle poida tirar o máximo aproveitamento industrial.
A presentación oficial deste servizo desenvolveuse este martes, seguíndose un formato simultáneo e a través de Internet. De feito, grazas a isto, puído ser seguida a través de diferentes redes sociais, contando co apoio dunha central de datos en Sevilla e unha delegación na Coruña. No acto participou un bo número de profesionais do mundo tecnolóxico-empresarial, entre os que se contaron Bartolomé Pidal e Antonio Retamero, presidentes de Nortempo e Reddium, respectivamente. A posta en marcha desta plataforma acompañarase, sinalaron, da convocatoria da primeira edición do Premio Empreners, que irá dirixido a aqueles produtos ou servizos que “pola súa capacidade tecnolóxica ou innovadora teñan potencial de abondo como para seren distribuídos a nivel internacional”.
Tamén se porá en marcha un depósito-capital para financiar ideas de negocio con posibilidades para xerar riqueza. Con isto búscase darlle un pulo á creación de start-ups das que logo poidan saír spin-offs ou franquicias.
Volvendo a Empreners, dicir que abrolla co obxectivo estratéxico de “achegar a súa solución para cubrir un problema laboral como é o baleiro de oportunidades de traballo e máis a xeración de novas fórmulas para o emprendemento”, sinalaron os responsables do novo servizo. Empreners, engadiron, foi deseñado como un ecosistema ou hábitat de traballo onde poderán interactuar os seus diferentes públicos obxectivos: empresas, demandantes dun posto de traballo, emprendedores e expertos en recursos humanos e novas tecnoloxías.
A galega Nortempo pon en marcha unha rede social para axudar á creación de emprego
Compartir Este Artigo
