Esta tarde tivo lugar a edición de 2012 da WWDC, evento para desenvolvedores organizado por Apple, no que a compañía de Cupertino aproveitou para presentar algunhas novidades como os novos MacBook Pro pero, principalmente, serviu para dar a coñecer novidades do software tanto de ordenadores como de dispositivos móbiles de Apple.
Tim Cook foi o encargado de abrir o evento facendo un repaso dos números que manexa a súa empresa, asegurando que xa hai máis de 650.000 aplicacións na App Store, das que 225.000 están deseñadas especificamente para o iPad e sumando máis de 30.000 millóns de descargas, xerando para os desenvolvedores uns ingresos de 5.000 millóns de dólares.
iOS 6: Siri, Mapas, Facebook e moito máis


Dentro destas funcións sociais, a aplicación de Fotos tamén contará agora cunha opción para compartir fluxos de fotografías con nosos amigos que fagan uso de iCloud tanto nun dispositivos móbil coma nun Mac con Mountain Lion (e no caso de que non conten con dispositivos de Apple, tamén será posible acceder ás imaxes vía web).
Para comunicarse cos demais a aplicación de videoconferencia FaceTime incluirá a posibilidade de operar a través de redes móbiles (e non só a través de Wi-Fi), podendo incluso recibir chamadas de vídeo realizadas ao noso número de teléfono (aínda que esteamos a utilizar un iPad). E precisamente no ámbito telefónico tamén hai melloras, de xeito que cando rexeitemos unha chamada poderemos reaccionar acto seguido cunha mensaxe de texto ou con outras accións (como activando un recordatorio de responder a chamada máis adainte).
Outra funcionalidade que será moi ben recibida por moitos usuarios e a posibilidade de programar horarios de non molestar, de xeito que podemos facer que durante as nosas horas de sono non recibamos notificacións e chamadas (podendo incluso establecer excepcións para, por exemplo, continuar a recibir chamadas dos nosos favoritos ou un grupo de contactos).
Mentres as aplicacións de Correo e Safari melloran e a accesibilidade cóidase máis, iOS 6 tamén vai estrear a aplicación Passbook, que permitirá centralizar a xestión de tarxetas de embarque, entradas para o cine, cupóns de desconto e tarxetas de fidelidade, coa vantaxe adicional de que estamos ante unha aplicación intelixente que detectará cando estamos no momento e no lugar atinado para amosar unha entrada ou un cupón, de xeito que aparecerá en pantalla son só desbloquear o noso terminal, para que despois só teñamos que escanear o código correspondente no aeroporto, no cine ou na sala de concertos, para poder acceder aos distintos servizos sen ter que levar a billeteira chea de papeis.
OS X Mountain Lion
O sistema operativo dos Mac tamén é unha novidade bastante importante, que non se fará agardar ata o outono, senón que chegará no mes de xullo, de balde para quen merque un ordenador agora, e por 15,99 euros para o resto de usuarios, que como aconteceu con OS X Lion, poderase adquirir a través da Mac App Store.
OS X Mountain Lion mellora considerablemente a súa integración con iCloud, facilitando o entendemento entre Mac, iPad, iPhone e iPod Touch, sincronizando os cambios que fagamos entre todos os dispositivos, o que aplicarase ao Correo, os Contactos, o Calendario, as Mensaxes, FaceTime, o Game Center, o navegador web Safari, a ferramenta de Recordatorios, iTunes, a App Store, Notas e mesmo os documentos.
En OS X estréase a aplicación Messages, que é unha versión de iMessages de iOS adaptada ao Mac, que permitirá comunicar mediante mensaxería instantánea a usuarios de dispositivos móbiles con usuarios de ordenador e incluso podendo levar as conversas dun dispositivo a outro (podemos iniciar un chat no ordenador e continualo no iPhone sen perder o fío da conversa).
Outra funcionalidade de iOS que chega agora a Mac é o Centro de Notificacións, que facilitará que as alertas que xorden na pantalla vaian organizándose dentro dunha aplicación que facilita o seu seguimento. Esta ferramenta tamén responderá a xestos táctiles, para poder invocala incluso cando esteamos empregando outro programa a pantalla completa.
Mountain Lion tamén contará con Power Nap, un modo de funcionamento que cando o equipo está en repouso, continuará a actualizar cada certo tempo o Correo, os Contactos, o Calendario, os Recordatorios, as Notas… e outra información, que no caso de estar o equipo conectado á corrente, tamén incluiría a descarga de actualizacións de software, de xeito que cando espertemos o equipo estará ao día.
Emulando ao OS 6, OS X Mountain Lion tamén vai facilitar a función de compartir contidos a través de Facebook, Twitter, Flickr ou Vimeo cuns poucos pasos e, nunha revisión que recibirá no outono, tamén integrará Facebook dun xeito semellante a como van facer o iPhone e o iPad.
Á actualización de OS X non lle faltará o Game Center para poder xogar con usuarios de Mac, AirPlay Mirroring para poder levar os contidos da pantalla do ordenador a un Apple TV e iOS e incluso un Gatekeeper, ferramenta que protexerá ante a descarga e instalación de software malicioso no Mac.
