O uso de Layar como solución móbil para empregar dun xeito doado a realidade aumentada con documentos impresos resulta moi atractivo, pero a experiencia pode ir moito máis aló, como demostrou a mesma compañía estreando Stiktu 2.0, aplicación móbil dispoñible para iOS e para Android que permite debuxar virtualmente sobre calquera cousa do mundo real para compartir as nosas creacións con outros usuarios da aplicación.
Stiktu permite escanear coa cámara do móbil o que temos ao redor e debuxar e escribir sobre o contorno facendo uso de distintas plumas, cores e tipografías, e mesmo podendo engadirlle imaxes, coma se colocasemos adhesivos invisibles sobre o mundo real que só poden ver outros usuarios da aplicación, que tamén poderán comentar. Os contidos creados con Stiktu poden compartirse a través de Facebook e Twitter, e incrementando as súas posibilidades sociais tamén é posible seguir a outros usuarios e compartir as nosas creacións a través de Facebook e Twitter.
Para evitar que esta ferramenta sexa empregada dun xeito ofensivo, os usuarios poderán etiquetar o que consideren que non é axeitado.
Os contidos publicados a través de Stiktu estarán xeolocalizados, aínda que dende a compañía responsable da aplicación aseguran que non publicarán a información relativa á localización sen permiso, coidando así da intimidade dos usuarios.
O mellor xeito de facernos unha boa idea do que permite facer Stiktu e vendo o seguinte vídeo:
Stiktu permite engadir elementos de realidade aumentada á nosa contorna
Compartir Este Artigo

