O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, presentou hoxe unha nova convocatoria do Re-Emprende, un programa a través do cal a Consellería destina 2 millóns de euros a apoiar a posta en marcha de proxectos de nova creación ou a consolidación no seu primeiro ano de funcionamento de empresas promovidas por emprendedores ou autónomos. As novas axudas cubrirán entre o 15 e o 50% do investimento realizado, valorándose para fixar tal porcentaxe factores como a creación de emprego, a localización en territorios con plans de especial dinamización, o valor engadido asociado á actividade escollida e que a actividade estea enmarcada dentro dos sectores considerados prioritarios, entre os que figuran as TIC.
O conselleiro destacou que o obxectivo do re-Emprende, cuxa convocatoria se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, é favorecer a actividade empresarial e a creación de emprego apoiando a posta en marcha de proxectos innovadores impulsados por empresarios e, como novidade este ano, por autónomos con actitude emprendedora. Poderán optar a estas axudas proxectos con investimentos comprendidos desde 35.000 ata 500.000 euros, e as solicitudes deberán presentarse ata o 15 de novembro.
Con respecto á anterior convocatoria, a dotación orzamentaria anual medra nun 33% e rebaixase o investimento de 50.000 a 35.000 con obxectivo de abarcar un maior número de proxectos. Guerra lembrou que, entre outros aspectos, a Xunta puxo 23 millóns de euros a disposición das emprendedores e das PEME máis innovadoras, a través de fondos como i2C, re-Emprende, xesInnova ou xesPosibilita.
O programa Re-Emprende destina 2 millóns de euros á consolidación de novas empresas
Compartir Este Artigo
