Por desgraza non semella que a curto prazo vaia haber Twitter en galego, e todo malia o importante traballo levado a cabo pola comunidade Twitter en galego, as reiteradas peticións e queixas dos usuarios, de asociacións como a Mesa pola Normalización Lingüística ou de empresas como a operadora R. Pero iso si, para o 5 de xullo está previsto que haxa rede social Twitter para o catalán e para o éuscaro, entre outras linguas do resto do mundo (checo, ucraíno, grego, afrikaans). Segundo se conta na Rede, tampouco foi sen esforzo que os cataláns e os vascos acadaran o recoñecemento, como dixemos pendente aínda para nós (malia os nosos esforzos).
A novidade non é nin moito menos un agasallo lingüístico-cultural do servizo, de feito foron eses mesmos usuarios os que contribuíron a traducir Twitter ás súas linguas e (xunto coa comunidade galega devandita) a poñer á rede social contra as cordas para que abrise o proceso participativo de tradución da toda a súa interface. Pero iso si: as ditas opcións só están dispoñibles arestora para os seareiros que traballaron directamente na localización colaborativa de Twitter. A rede social achegará estas novidades ao resto de usuarios a partir do 5 de xullo, sempre e cando se rematara o 100% da tradución. No caso concreto da lingua catalá, a adaptación xurdiu coma un reto. De feito, logo de abrir o proceso participativo para a localización ao catalán a mediados de maio e tendo en conta a gran cantidade voluntarios que se ofreceron a traballar nesta xeira, os responsables da rede social desafiaron á comunidade catalá a adaptar o servizo máis axiña có árabe.
Twitter en éuscaro e catalán para o vindeiro 5 de xullo
Compartir Este Artigo
