O centro galego Gradiant de investigación tecnolóxica, emprazado no Campus de Vigo, vén de anunciar a súa participación activa nas xornadas policiais que se van celebrar, entre o 22 e o 27 de xuño, na Estación Marítima da cidade co gallo da apertura da nova comisaría de Policía de Vigo-Redondela. A achega de Gradiant nestes encontros, que buscan ser un punto de encontro entre as forzas de seguridade e a cidadanía, centrarase principalmente en amosar ata que punto as novas tecnoloxías da información e o coñecemento poden contribuír a unha meirande eficacia do traballo policial. O centro tamén amosará diferentes xeitos de optimizar os niveis de seguridade e protección no seo das novas ferramentas dixitais. O evento contará tamén coa presenza de InfoJC.
A dupla participación insírese no ciclo de conferencias sobre seguridade e TIC. O horario dos relatorios será de 11.00 a 14 horas e de 17 a 21 horas. A entrada é libre.
Segundo informa o centro de I+D, trátase dunha “excelente oportunidade para que Gradiant amose os últimos avances nas súas investigacións aplicadas no eido da protección e da salvagarda dos datos”. En representación do centro acudirá ás xornadas Daniel González Jiménez, director técnico da Área de Información Multimodal, que falará, a partir das 19 horas do día 26, acerca da seguinte cuestión: Recoñecemento biométrico e sistemas intelixentes de análise de vídeo. Aplicacións en seguridade avanzada.
Nas xornadas tamén amosará a súa tecnoloxía a empresa galega InfoJC, a través de un dos seus socios, Jorge Cebreiros, que achegará un punto de vista práctico da importancia que cobra nestes tempos a seguridade da información na empresa, expoñendo datos recentes ao respecto e, tamén, levando a cabo unha demostración sobre o doado que resulta roubarnos datos se non tomamos as medidas oportunas.
Gradiant e InfoJC amosarán os seus achados en seguridade nas xornadas policiais de Vigo
Compartir Este Artigo
