A Escola de Negocios Novacaixagalicia vén de afianzarse no panorama formativo español cunha serie de novidades TIC na súa liña de actividade (forma e contidos) e de acordos con entidades de prestixio. Máis polo miúdo, a escola galega puxo en marcha cinco novas dobres titulacións internacionais coa Dublin Business School. Segundo fai saber a entidade, as mozas e mozos que cursen o grao en Administración e Dirección de Empresas (ADE) na Escola de Negocios do ente financeiro galego poderán desenvolver un currículo académico internacional que lles permitirá culminar, logo de cinco anos de estudos (catro en España e un en Irlanda), a súa carreira con dous graos, a elixir entre as seguintes opcións de ADE + Marketing, ADE + Marketing e Organización de Eventos, ADE + Marketing Dixital, ADE + Servizos Financeiros e ADE + Sistemas e Tecnoloxías de Información.
Ambos os dous títulos, o de grao en ADE en España e o Bachelor irlandés, son oficiais nos seus respectivos países e teñen validez no conxunto da Unión Europea. “Esta interesante iniciativa”, informa a Escola de Negocios galega, “desenvolveuse co propósito de formar os mozos e mozas profesionais europeos, xa que este programa asegura o perfil internacional dos alumnos e a súa competencia en lingua inglesa; ademais, responde ás demandas das principais empresas galegas, en que estes mozos e mozas realizarán prácticas garantidas e remuneradas”.
Esta nova oferta formativa enmárcase no Plan de Desenvolvemento da Escola de Negocios Novacaixagalicia para os anos 2012-2016, “que fortalecerá, se cabe, a posición da escola no mercado universitario e de formación directiva en Galicia”, informa a entidade.
A Escola de Negocios Novacaixagalicia fortalece a súa formación dixital
Compartir Este Artigo
