Unha boa parte dos hospitais españois non levou a cabo aínda unha auditoría sobre os seus datos nin conta arestora con dispositivos tecnolóxicos axeitados para o almacenamento deses datos e a súa protección. Esta é unha das conclusións dun informe sobre o cumprimento da Lei Orgánica de Protección de Datos levado a cabo pola Axencia Española de Protección de Datos entre 654 centros sanitarios públicos e privados (dos 791 existentes no Estado) que se encontran no ámbito de competencia da dita Axencia. A empresa galega Alcatraz lembra que a situación non foi obxecto de grandes melloras dende a publicación do informe.
A Axencia sostivo en boa medida o seu estudo sobre a necesidade de velar pola información que atesouran os ditos centros e de adoptar as medidas máis axeitala para acadalo: “A realización da auditorial bienal de seguridade do ficheiro das historias clínicas é un dos aspectos nos que se observa un menor cumprimento da normativa”, sinala.
Nun plano máis concreto, sinálase que na terceira parte dos centros esta devandita actuación non se leva a cabo, e nun 85,6% dos centros que levan a cabo a auditoría, detectáronse deficiencias de seguridade. Ao fío destes datos e segundo informa Alcatraz, especializada en cumprimento normativo e consultoría TIC, o devandito supón en termos xerais que as historias clínicas de 15 millóns de españois poderían ter lagoas de seguridade. Estas historias, cómpre lembralo, son os documentos que se nos abren cada vez que acudimos ao médico de cabeceira, a urxencias ou a un especialista dun hospital ou profesional da saúde. Estes documentos dan acubillo á información precisa (asistencial, preventiva e social) para a correcta atención dos doentes. Os datos, en boa medida dixitais (sendo a tendencia a ter todo dixitalizado), son considerados sensibles ou especialmente protexidos pola Lei, e como tales, “teñen un réxime de garantías máis forte”, engade Alcatraz. Para a empresa galega é importante que se teña en conta que en 2009 rexistráronse un total de 123 denuncias e actuacións previas de investigación no sector da sanidade en relación á protección de datos.
Advirten de lagoas de seguridade nos sistemas dos centros hospitalarios españois
Compartir Este Artigo
